Prolongan a senda litoral da praia de Areas e crean un miradoiro
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo prolongará a senda construída en 1994 na praia de Areas ata a súa unión co paseo inaugurado o ano pasado no areal dos Mortos, para convertelos nun único sendeiro. Ademais, crearase unha área de descanso ou miradoiro.
A actuación forma parte dun proxecto de sendeiros litorais que permitirá "recuperar e poñer en valor a fachada marítima do noso municipio habilitando sendeiros paralelos á costa e dando con elo a coñecer a riqueza ecolóxica, paisaxística e ambiental a todos os veciños e turistas, ao tempo que contribuímos á conservación do patrimonio natural".
O concelleiro de Medio, José Luis Rodríguez, explicou que "é algo que non só nos axudará a ser máis respectuosos co medio ambiente, senón que tamén nos permitirá crear novos produtos turísticos que contribúan a incrementar e diversificar a oferta actual".
O concelleiro de Medio adiantou que os traballos comezarán nos próximos días e contan coa autorización da Xefatura Provincial de Costas. As sendas "están destinadas a poder gozar dunhas paisaxes inigualables".