![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2c4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/60b4d4925c-20210531-patxot-beatriz-sestayo-maica-larriba-1525.jpg)
© Mónica Patxot
Maica Larriba aborda coa xerente do SEA a situación dos parques empresariais da provincia
![Manu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/c92/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/613a3b2f4f-20210902-patxot-radio-programa-deportes-1889.jpg)
Por Manu Otero
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4a8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/60b4d49dab-20210531-patxot-beatriz-sestayo-maica-larriba-1526.jpg)
© Mónica Patxot
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo este luns un encontro institucional coa xerente da sociedade mercantil estatal Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo.
Durante a reunión, as mandatarias analizaron a situación do parque empresarial de Vilanova de Arousa, un dos dous parques que esta entidade xestiona na actualidade na provincia de Pontevedra. Sestayo adiantou á subdelegada que o polígono de Vilanova triplicará a súa ocupación tras anos sen avances grazas aos acordos alcanzados con Sogama, que ocupará sete parcelas que suman preto de 20.000 metros cadrados. A empresa conserveira Vinova Group, vinculada a Conxelados Cíes, tamén se fixo con outras cinco parcelas que alcanzan os 19.229 metros cadrados. Outro dos parques que xestiona esta sociedade na provincia é o de Catoira.
A xerente de SEXA explicou á subdelegeada que na actualidade están a impulsar o dereito de superficie, un sistema próximo ao alugueiro con opción a compra pero con maiores vantaxes e que permite ás empresas comezar a súa instalación nun polígono sen ter que comprar as parcelas de forma inmediata.
Esta modalidade, exposta para favorecer o asentamento de empresas e facilitarlles o seu financiamento, é a que fomentou a ocupación no polígono de Vilanova de Arousa e espérase que continúe dando froitos nos restantes parques da comunidade.
Maica Larriba destacou o labor desenvolvido pola xerente nestes dous primeiros anos ao cargo da entidade e púxose a disposición da SEA “para propiciar novos avances que contribúan ao desenvolvemento económico da provincia”. Neste sentido, Larriba destacou que na actualidade esta sociedade está a realizar dous estudos de viabilidade económica e financeira tanto na Guarda como en Cuntis que permitirían ampliar o chan empresarial da provincia. "Estes dous concellos mostraron o seu interese nestes proxectos cuxa viabilidade está a ser estudada", explicou a socialista.