A Sede Electrónica da Xunta de Galicia facilita os trámites de cidadáns e empresas
Por Redacción
A Xunta de Galicia está inmersa nun proceso de modernización para garantir aos cidadáns a posibilidade de relacionarse telemáticamente coas administracións públicas con todas as garantías, aforrando custes e tempo. Para acadar este obxectivo o Goberno galego, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está a desenvolver o Plan de Modernización da Administración Pública.
A sede electrónica da Xunta de Galicia é o enderezo web desde o cal cidadáns e empresas poden exercer, en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e aos servizos electrónicos da Administración autonómica a través da dirección https://sede.xunta.es.
Está operativa desde setembro de 2011 baixo a titularidade da actual Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que é a responsable de elaborar e manter actualizada a relación dos procedementos e servizos que se poñen a disposición da cidadanía e dos empregados públicos nesta sede, así como dos contidos nela publicados.
O obxectivo é que se converta, de xeito progresivo no punto de acceso único a toda a Administración en internet, ofrecendo a mesma información e os mesmos servizos que teñen agora á súa disposición os cidadáns en calquera das xanelas das consellerías.
A día de hoxe se poden presentar de xeito telemático na sede máis de 500 procedementos, máis do 35 por cento do total de trámites dispoñibles. Antes do inicio do Plan de Modernización só o 4 por cento dos procedementos se podían presentar de xeito electrónico. As visitas á sede electrónica nos oito primeiros meses deste ano suman preto de 200.000, case o dobre das rexistradas no 2012.
A Sede electrónica está accesible desde o portal corporativo na dirección https://sede.xunta.es. Nos oito primeiros meses de 2013 recibiu preto de 200.000 visitas, case o dobre das rexistradas no 2012
A sede electrónica permite interactuar por medios electrónicos durante todos os días do ano e as 24 horas do día, con todos os órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións relativas aos diferentes procedementos administrativos abertos por parte destes.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia pon a disposición da cidadanía e das empresas un punto de acceso único a partir do cal xurde unha nova forma de realizar as xestións públicas, sen condicionantes horarios nin de espazo, coa máxima seguridade e contribuíndo a un uso máis eficiente dos recursos públicos.
A día de hoxe a porcentaxe de procedementos electrónicos destinados a empresas está no 44 por cento e os orientados aos cidadáns no 39 por cento.
CÿMO INICIAR OS TRÁMITES
Para poder iniciar un trámite na sede electrónica o usuario debe dispor dun certificado electrónico válido. Os que admite a sede son o certificado electrónico do DNI electrónico (DNIe), o expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e o de AC Camerfirma. Se quere solicitalo pode atopar máis información nos seguintes enlaces http://www.dnielectronico.es/, http://www.cert.fnmt.es/.
Esta canle permite unha nova forma de realizar as xestións coa Administración, sen condicionantes horarios nin de espazo e coa máxima seguridade
Unha vez que o usuario dispón do certificado electrónico ten a súa disposición a listaxe de procedementos cunha relación con todos aqueles que a Xunta de Galicia ten dispoñibles. Este mesmo espazo ofrece dúas funcionalidades, un buscador que permitirá localizar os procedementos -por palabras, áreas temáticas e colectivos- e tamén unha opción para consultar só aqueles que poden ser iniciados electronicamente.
A CARPETA DO CIDADÁN
Unha vez iniciado o trámite o usuario pode consultar o estado no que se atopa a través da Carpeta do cidadán, na que tamén pode acceder a aqueles avisos da Administración electrónica aos que estea subscrito.
SEGURIDADE E VALIDEZ
A comunicación entre cidadán e esta sede prodúcese en condicións totalmente seguras e fiables. Para isto, entre outras accións, emprégase un protocolo seguro de comunicacións (https) co que se logran conexións máis seguras na rede.
A sede, ademais, utiliza un Certificado de Sede, un dispositivo que permite garantir a identidade da Xunta de Galicia. Ademais o certificado electrónico que debe empregar o usuario é o medio máis seguro para identificarse nas operacións que se realizan a través da rede e que garante en todo momento a identidade das dúas partes implicadas. Tamén convén lembrar que os documentos desta sede se asinan electronicamente, o que implica o uso dun sistema que permite verificar a identidade dunha persoa, de xeito que se pode comprobar a integridade e procedencia destes documentos.
Os trámites que se realicen a través da sede teñen a mesma validez que os presentados no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia
Cómpre recordar que os trámites que se realicen a través da sede teñen exactamente a mesma validez que os presentados no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.
GUÍA DE PROCEDEMENTOS
Outra das ferramentas da sede electrónica é a guía de procedementos e servizos, que recompila e describe todos os trámites administrativos e servizos existentes e en vigor para a cidadanía á marxe de estrutura interna da Administración, que pode ser cambiante.
Actualmente están publicados 1.570 procedementos. O cidadán pode buscar aqueles que sexan do seu interese por colectivo ou perfil, por área temática ou materia, por organismo,por tipo de procedemento, por tipo de tramitación.
Tamén pode realizar a súa busca empregando varios criterios á vez, por exemplo:
Por colectivos > Empresas e profesionais
Por área temática > Ensino e formación
Por organismo > Consellería de Economía e Industria
Por tipo de procedemento > Axudas/subvencións
Por tipo de tramitación > Presentación electrónica
GUÍA DE TEXTOS E FORMULARIOS NORMALIZADOS
Co obxectivo de seguir avanzando na simplificación de procedementos que afectan á cidadanía, o pasado 25 de abril o Consello da Xunta aprobou a Guía de textos e formularios normalizados e a Guía de habilitación electrónica de procedementos administrativos na Administración Xeral e no Sector Público autonómico de Galicia.
Estas guías serven de axuda a todos os órganos e unidades da Administración galega que elaboren proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral que se publiquen no DOG e, en particular, ás bases reguladoras e convocatorias de subvencións, e estarán permanentemente dispoñibles e actualizadas na intranet da Xunta.
Estes manuais son ferramentas vivas que necesitan estar actualizadas conforme á lexislación vixente en cada momento e á realidade social do tempo en que han de ser aplicadas. Ademais, a propia actividade administrativa leva a identificar melloras que poderían facelas máis eficientes.
Para cumprir este cometido, a Amtega e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, serán as responsables de aprobar a publicación de novas versións das guías cando o uso das novas tecnoloxías poida favorecer a implantación dalgunha mellora; se produzan modificacións lexislativas que puidesen afectar ao seu contido ou cando se identifiquen melloras que incidan na axilización da tramitación administrativa dos procedementos ou na claridade e mellor servizo a cidadanía.
REDUCCIÿN DE CARGAS ADMINISTRATIVAS
A posta en marcha da sede electrónica da Xunta de Galicia deu cumprimento ademais ao compromiso do Goberno galego de reducir as cargas administrativas que implican a presentación de trámites en papel, entendendo por carga as obrigas impostas á cidadanía nas súas relacións coa administración.
Neste marco, publicouse a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AAPP e Xustiza do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, que establece no seu artigo 4 que "para a xestión e resolución dos expedientes administrativos só poderán esixirse os documentos ou datos que sexan estritamente necesarios para conformar a vontade da Administración e resolver cada procedemento concreto, e que a Administración non poida obter polos seus propios medios".
A Xunta de Galicia pois coa publicación desta orde aspira así a contribuír a dinamización da actividade empresarial da Comunidade, eliminando obstáculos na súa xestión diaria e mellorando a produtividade e competitividade dos principais sectores económicos.
Ademais, preténdese conseguir o máximo grao de achegamento da Administración á cidadanía, para o que se intenta potenciar, como instrumento idóneo, a calidade da información en condicións de exactitude, veracidade, axilidade, seguridade xurídica, actualización permanente e vixencia a través da Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Esta orde constituíu unha ferramenta básica para a potenciación da sede electrónica, suprimindo progresivamente o soporte papel e a necesidade de acudir as oficinas de rexistro da Xunta de Galicia para iniciar a tramitación de procedementos e servizos. Tamén foi importante para a cuantificación do aforro que a supresión de cargas administrativas supón para as empresas e a cidadanía como consecuencia da implantación da eAdministración nas súas relacións coa Administración pública galega.
Deste xeito, os requisitos formais, como a presentación de duplicados, considéranse imposicións de normalización, que non achegan valor engadido algún ao procedemento e que, aínda prescindindo delas, pode resolver a Administración sen dificultade; é dicir cuestións como os exemplares duplicados constitúen requisitos que atenden máis a unha formalidade que a outra razón de ser.
Por iso, e de acordo á normativa aplicable, non se poderá solicitar documentación que non sexa estritamente necesaria para levar a cabo o procedemento e, no específico, non se poderán solicitar copias por duplicado da documentación.
E isto é así posto que a racionalización administrativa debe ser o punto de arranque para que a documentación que actualmente se ve obrigado a presentar o cidadán se vexa reducida ao imprescindible. Neste senso, a incorporación dos procedementos administrativos na sede electrónica supón a non exixencia daqueles documentos que son repetitivos e non teñen ningún valor engadido ou son susceptibles de ser consultados por conexións informáticas e aqueles que son xerados pola propia Administración autonómica.
INTEROPERABILIDADE ENTRE ADMINISTRACIÿNS
Avánzase polo tanto na interoperabilidade entre as administracións públicas colaborando organizativa e tecnolóxicamente para compartir información. De cara ao cidadán, esta interoperabilidade evitará a necesidade de presentar ás distintas administracións públicas documentación que xa posúan, reducindo así o tempo de xestión e o custo dos procedementos.
En concreto, cómpre destacar como avances conseguidos nesta materia a eliminación como obriga do cidadán, e polo tanto, como carga administrativa, da presentación de determinados documentos que se esixía anteriormente e que agora forman parte da solicitude, tales como declaracións, certificacións e autorizacións.
Tamén desaparece a obriga de presentar por parte dos cidadáns ou empresas calquera tipo de documentación en poder ou expedida pola propia Administración autonómica, xa que agora son obtidos por esta. ÿ o caso dos certificados de discapacidade, recoñecementos de familia numerosa e as inscricións nos correspondentes Rexistros da Comunidade Autónoma.
Os usuarios tampouco deberán presentar a fotocopia do DNI, certificado de empadroamento e o certificado de estar ao corrente ou non ter débedas con Facenda, a Seguridade Social ou coa Xunta de Galicia.