A xuízo seis persoas implicadas na Operación Bodeguilla contra o narcotráfico
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra iniciará este próximo martes 1 de xuño o xuízo contra seis persoas implicadas na Operación Bodeguilla Tamara contra o narcotráfico na que se incautaron 497 quilos de cocaína no ano 2016.
O Ministerio Fiscal solicita penas de entre dez anos e medio de cárcere e quince anos de prisión para os seis acusados.
A droga, segundo informe do fiscal, chegaba en contedores de froita e de cacao procedentes de Colombia e Brasil ata o porto de Alxeciras.
A Fiscalía acusa aos procesados, ademais doutro individuo xa falecido e outro máis en rebeldía, de formar parte de "un conxunto de individuos estruturado mercé ás relacións persoais e medios materiais dispostos por eles", que tiña como "finalidade última e exclusiva" a introdución en España de distintas partidas de drogas e estupefacientes, principalmente cocaína, "para a súa comercialización lucrativa no mercado ilícito".
Apunta o Ministerio Público que os acusados "contaban cun esquema de actuación estable, jerarquizado e cunha precisa repartición de funcións e labores, todo iso encamiñado ao obxectivo de desenvolver unha actividade sostida de venda de substancias ilícitas, sendo todos conscientes do dano que para a saúde pública xerábase coa súa actividade".
O tribunal reservou a sala para os días 7, 8, 9, 10 e 11 en previsión de que se prolongue a vista oral deste caso, que procede do Xulgado de Instrución nº1 de Vilagarcía de Arousa, e que conta cunha lista de 41 persoas citadas para declarar.