Abren o prazo para inscribirse no curso de limpeza en aloxamentos turísticos
Por Redacción
A Concellería de Promoción Económica e Turismo acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova actividade formativa gratuíta centrada en limpeza de aloxamentos turísticos e camareiro/a de pisos.
O taller será impartido por Ara Formación, terá carácter presencial, unha duración de 90 horas (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa) e desenvolverase entre os días 8 e 21 de xuño: a teoría, de luns a venres de 9:30 a 13:00 horas, e a práctica, de 5 horas diarias, en horarios de mañá e tarde, tendo en conta a dispoñibilidade.
As inscricións no curso, que ao igual que os anteriores están destinados prioritariamente a persoas desempregadas empadroadas no concello de Pontevedra, deberán realizarse a través da dirección de correo electrónico administracion@proxectoiles.es.
Yoya Blanco, edil de Promoción Económica, avanza que "o éxito do curso de operador de carretillas elevadoras, no que participaron 14 alumnos, levará a impulsar novas edicións do mesmo, algo que tamén está previsto no caso do de limpeza hospitalaria, que está a impartirse desde principios desta semana".
Por outra banda a Aula de Informática da Casa Azul ofrece sete cursos orientados a usuarios de Benestar Social e persoas en paro entre os meses de xuño e agosto.
As inscricións para participar nestas formacións, entre as que se inclúen cursos de Windows 10 e LibreOffice, pódense realizar nos correos jlorenzo@pontevedra.eu y aulaud@gmail.com
O concelleiro Marcos Rey explica que os cursos comezarán o 7 de xuño e que tamén haberá talleres de ‘Internet dende 0’ e ·-administración, este último para persoas con diversidade sensorial.