A frota artesanal da ría de Pontevedra clama contra o cambio de regulamento que impón a UE
Por Redacción
Os mariñeiros da ría de Pontevedra, do mesmo xeito que sucedeu en toda Galicia, están en pé de guerra contra o novo regulamento de control europeo con respecto á frota artesanal.
O sector entende que estas novas normas causarán graves prexuízos á frota galega, ao obrigar aos barcos de menos de doce metros de eslora, entre outras cousas, a faenar con equipos permanentes de xeolocalización e a declarar as súas capturas de maneira telemática.
Unha das concentracións máis numerosas rexistrouse este mediodía ante a lonxa de Bueu.
"Políticos canto corredes para o voto dos pescadores e agora tratádesnos coma atracadores" foi unha das proclamas dun colectivo que se posiciona en contra da modificación do regulamento europeo, que se tramitou de costas ao sector.
Esixen os profesionais que se lles exclúa da obrigación da instalación de cámaras, a xeolocalización obrigatoria ou o envío de datos das capturas desde a propia embarcación.
Reclaman tamén que se defina dunha forma clara e real o concepto de pesca artesanal e que reciba un tratamento distinto ao das frotas industriais.
As protestas sucedéronse por toda a ría de Pontevedra. Así, barcos de Sanxenxo e Portonovo mobilizáronse fronte á praia de Silgar e pesqueiros de Raxó e Pontevedra fixeron o propio fronte á lonxa de Campelo.
Ademais, as mariscadoras de Lourizán concentráronse nos Praceres e numerosos barcos optaron por reunirse no fondo da ría para mostrar o seu rexeitamento a estas medidas.
Relacionadas:
-
A lonxa de Marín rompe a tendencia negativa e completa o seu segundo ano en crecemento
Por Manu Otero |
-
Un mariñeiro de Bueu leva case un ano retido nun porto iemení e en condicións deplorables
Por Redacción |
-
O deputado do BNG, Néstor Rego, busca coa frota artesanal do Morrazo solución aos problemas do sector
Por Redacción |
-
O PP de Poio ponse do lado da frota local para tumbar o novo regramento europeo
Por Redacción |
-
Carme da Silva anuncia en Poio que o BNG defenderá que Galicia teña status de nación pesqueira
Por Redacción |