Un menor rouba un coche na Lama, ten un accidente e dá positivo en alcoholemia
Por Redacción
Un mozo de 17 anos foi identificado pola Garda Civil na Lama tras sufrir un accidente de tráfico nun coche que subtraera e dar positivo por alcoholemia.
O suceso produciuse sobre as seis da tarde do pasado domingo 9 de maio, segundo informou o instituto armado. Foi unha veciña do lugar de Antas a que alertou ás autoridades de que un coche caera ao interior da leira dunha vivenda. Os seus dous ocupantes fuxiron do lugar sen avisar aos propietarios.
Ao chegar, os axentes da Garda Civil acharon dentro do coche a documentación do mozo e comprobaron que non era o titular do vehículo.
O coche era dunha veciña da Lama que, segundo explicou aos axentes, que o deixaba coas chaves postas nunha leira anexa á súa casa. Descoñecía que llo levaran.
A dona do vehículo explicou que a documentación aparecida no seu interior era un amigo seu co que comera, en compañía do seu noivo e outro amigo máis. Tras a comida, ela quedou a súa parella e os outros dous amigos marcharon.
O mozo de 17 anos, que é veciño de Fornelos de Montes, recoñeceu ser o que conducía no momento do accidente, acompañado por outro mozo de 20 anos, veciño de Pontevedra. Tras facerlle a proba de alcoholemia ao condutor, este lanzou un resultado positivo de 0,31 mg/l en aire espirado.
Será investigado por un delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo sen obter nunca o permiso de condución, e por un delito de furto de vehículo de motor. As dilixencias foron entregadas na Fiscalía de Menores e no xulgado de instrución de garda de Pontevedra.