Convocada unha concentración contra a violencia vicaria o 17 de maio na Praza de España
Por Redacción
A 'Federación de Asociaciones Consejo Nacional de Mujeres Resilientes de la violencia de género', en colaboración co Colectivo Ferminista de Pontevedra, organiza para o vindeiro luns 17 de maio unha concentración contra a violencia vicaria na Praza de España diante do antigo Concello de Pontevedra.
Esta federación elaborou tamén un manifesto dirixido aos ministerios de Xustiza e de Igualdade, e a todo o goberno central. Indican que con motivo do caso de Rocío Carrasco está a visibilizarse a "peor das violencias que un home pode exercer contra a súa exparella, maltratando de maneira brutal ás súas criaturas".
A violencia vicaria é a que exerce o pai de familia contra os seus fillos para seguir maltratando a súa exparella. Segundo sinalan estes colectivos, actualmente estas situacións violentas contan co respaldo absoluto das institucións e do sistema xudicial ao completo, converténdose "nuns malos tratos institucionais para as nais e para as criaturas".
Relatan diferentes casos como o de Verónica Saldaña en que existe unha orde de afastamento de tres anos do seu maltratador, pero o xuíz ameazouna con "arrincarlle aos seus dous fillos xemelgos se non os entrega de inmediato ás visitas co pai". Ou o de Patricia González, que a pesar de ter a custodia da súa filla, leva sen vela dous anos. No xuízo, a Fiscalía pide tres anos de prisión e seis de retirada da patria potestade. E esta semana, o fillo de María Sevilla no alto risco por estar condenado a vivir co seu verdugo. Denuncian que ata a data o sistema de protección non fixo nada, confirmándose pola Audiencia a condena para María a dous anos e catro meses de prisión e catro de retirada da patria potestade.
Ante estas situacións reclaman unha reparación do dano inmediata para que os menores sexan devoltos a "o seu único vínculo de seguridade, que son as súas nais protectoras" e que a violencia vicaria e os malos tratos institucionais aparezan reflectidos na Lei de violencia e a Lei de infancia. Ademais, solicitan que a patria potestade sexa retirada aos pais que exercen a violencia vicaria, tal e como sinala o artigo 3 do convenio de Istambul e a medida 139 do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.