As clarisas cederán os retablos de Santa Clara ao Concello durante catro anos
Por Alejandro Espiño
Os retablos de Santa Clara permanecerán no convento. Polo menos, polo momento. As clarisas chegaron a un acordo para ceder todos os bens mobles e artísticos que se conservan no histórico inmoble ao Concello. Será unha cesión gratuíta.
Durante o próximos catro anos, será a administración municipal a encargada de custodiar e manter estes bens en perfectas condicións. Pasado ese tempo, o Concello -ou a entidade que se faga cargo do convento- poderá exercer unha opción de compra sobre eles.
O edil responsable de Patrimonio, Xaquín Moreda, explicou que con esta negociación xa se pecharon todos os flocos desta operación de compra que, por outra banda, xa recibiu o visto e prace das autoridades eclesiásticas no Vaticano.
A partir de agora, coa compra de Santa Clara xa acordada, só resta por completar toda a tramitación administrativa que, segundo Moreda, se pode demorar aínda varios meses.
Ademais dos retablos do convento, dentro desta cesión inclúense outros bens como o órgano da igrexa, o púlpito ou as cadeiras do coro. Técnicos municipais avaliarán todo este patrimonio para valoralo e, dese xeito, poder estudar unha futura adquisición.
Outro dos aspectos que quedaban pendentes nesta operación de compra era o enterramento das monxas que hai no xardín do convento.
Desde o goberno municipal sinalan que as clarisas decidiron exhumar os enterramentos e trasladar os restos a outro lugar. A este respecto, xa contactaron cunha funeraria que será a que se encargue de retiralos, unha vez se complete o trámite legal para facelo.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez asegura que Lores e Mosquera "permitiron o espolio cultural e artístico de Santa Clara"
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño |
-
A compra de Santa Clara, cada vez máis preto: será efectiva dentro dun mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Taxan en medio millón de euros o valor dos bens artísticos de Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG esixe á Xunta que "non se poña de perfil" e colabore en rehabilitar Santa Clara
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Prohibido mirar cara ao convento e ter as celosías rotas: así foi a primeira operación inmobiliaria das monxas clarisas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Museo colaborará "en todo o que faga falta" para recuperar Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
O PP celebra a compra de Santa Clara e ve "adecuado" o prezo
Por Alejandro Espiño |
-
Santa Clara será público por 3,2 millóns: "É un día histórico", afirma o alcalde
Por Alejandro Espiño |