Inaugurada a I Feira de Alimentación 'O Mellor da Terra' na Praza de España
Por Mónica Patxot & Redacción
A Praza de España acolle xa a primeira edición da Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade 'O Mellor da Terra', que se desenvolverá durante esta segunda fin de semana de maio na carpa situada na Praza de España.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica; o tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; e o responsable de Benestar Social, Marcos Rey, acudiron durante a tarde deste venres a este espazo para inaugurar o evento que organiza a firma Embruxo, xestionada por Ana Gato, en colaboración con integrantes de Hoempo, entre os que se atopa o presidente Daniel Lorenzo.
Esta proposta gastronómica busca achegar sabores pouco habituais, difíciles de atopar en grandes superficies, ata a boca do consumidor. O horario durante a fin de semana será continuado, desde as 11.00 horas ata as 00.00 horas.
Ao longo deste espazo pódense atopar produtos de primeira calidade como marmelada sen colorantes nin conservantes, mel caseiro procedente de Vilagarcía, chacinas de León e diferentes produtos gourmet. Ademais, tamén hai oco para sobremesas, con doces procedentes de Sanxenxo e queixos de distintas localidades como Arzúa ou Zamora.
Por parte da Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín ( Hoempo) tamén se puxo en marcha un "mapa de tapeo" no que cada bar ou restaurante presentará unha receita e elaborará unha maridaxe a partir de produtos dos provedores para establecer un roteiro gastronómico para que os clientes percorran diferentes establecementos da cidade co obxectivo de probar as tapas ao mesmo tempo que se mercan os produtos na Feira.