'Pontevedra Capital Gastro' comeza a súa andaina para impulsar os sectores do turismo, hostalería e alimentación
Por Mónica Patxot & Redacción
A Casa da Luz foi escenario da posta en marcha da marca 'Pontevedra Capital Gastro', unha iniciativa da concellería de Promoción Económica e Turismo, que lidera a concelleira Yoya Blanco. Esta proposta quere promover a calidade dos produtos locais e que os negocios do municipio conten cunha ferramenta de venda cara ao exterior de forma que se beneficie tanto a hostalería como o turismo e o sector da alimentación.
Este proxecto desenvólvese coa colaboración da firma Carta Branca e da plataforma #PonteLovers e abarca varias actividades como unha Mesa da Gastronomía formada por expertos locais que establecerán as pautas para seguir pola nova marca; ou unha Banda Cociñas de Pontevedra, integrada por profesionais da cociña local que defenderán a calidade da gastronomía do Concello en diversos eventos culinarios.
Ademais, organizarase o Foro Hospitality Eixo Atlántico; tamén se poñerá en marcha unha aceleradora baixo o nome de Capital GastroLab e está prevista a creación de tres novos eventos gastronómicos: a Festa das Cunchas 2021, o Avoa Fest e a primeira edición dos encontros 'Mestizaxes, cociñas de ida e volta'.
Yoya Blanco presentaba tamén na mañá deste venres, baixo o selo 'A cidade, cómese', un vídeo promocional. Neste acto recreouse un restaurante con produtos de calidade, caixas de marisco, carros de verduras frescas e botellas de viño. Os representantes socialistas do Concello de Pontevedra Tino Fernández, Iván Pontes e Marcos Rey asistían ao acto acompañados por responsables de Carta Branca e os representantes do equipo da Banda Cociñas de Pontevedra.
Este equipo atópase formado por profesionais da cociña da cidade, propietarios de establecementos de hostalería, que se converterán en embaixadores da marca 'Pontevedra Capital Gastro' fomentando a actividade e a unión entre o sector.
Pola súa banda, a Mesa da Gastronomía reunirase dúas veces ao ano para marcar a liña para seguir e ofrecer unha análise académica e teórica para difundir a nova marca. Entre outros, o comité de expertos estará formado por representantes do CIFP Carlos Oroza, da Universidade de Vigo, asociacións de hostalería, axencias de viaxes, hoteis, praceiras do Mercado de Abastos, organizadores de eventos, técnicos do sector turístico, cociñeiros e integrantes das confrarías dos Praceres e de Pontevedra.
Yoya Blanco afirmou que a creación da marca resulta "imprescindible" para reimpulsar a economía local e converter a Pontevedra nun referente do turismo gastronómico. O primeiro evento que se desenvolverá será a Festa das Cunchas, entre o 17 e o 27 de xuño en que a proposta virará sobre mariscos de cuncha da ría como ameixas, navallas, zamburiñas, vieiras ou mexillóns. Contará con roteiros de tapeo e xornadas gastronómicos, ademais dun paseo en dorna pola ría e unha Batalla das Cunchas.
O Avoa Fest celebrarase entre o 22 de xullo e o 1 de agosto. Será un acto aberto á cidadanía para recuperar o patrimonio gastronómico de Pontevedra a través das receitas familiares, en homenaxe ás avoas que gardaron a memoria culinaria cos seus receitarios.
En setembro chegará a primeira edición de ' Mestizaxes, cociñas de ida e volta' con entrevistas entre cocicenos locais e outros que emigraron a outros países, ademais de degustación de tapas elaboradas polos protagonistas. Serán entre o 20 e o 24 de setembro. O Foro Hospitality Eixo Atlántico farase oco en outubro, con conferencias e mesas redondas.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo apuntou á creación dunha comunidade virtual composta por un blogue, unha páxina web e redes sociais específicas para promover a marca Pontevedra Capital Gastro. O acto concluíu coa entrega dunha chaquetiña que acredita a Yoya Blanco como patroa da Banda Cociñas de Pontevedra.
Durante a presentación visualizouse o vídeo promocional, dirixido por Abel Bonilla coa colaboración do director de fotografía Alan Grey.
Relacionadas:
-
Mestizaxes, o festival das cociñas do mundo feitas con produto local
Por María José Pita |
-
O Avoa Fest recupera o patrimonio gastronómico e homenaxea ás avoas e ás súas receitas
Por Redacción |
-
Axencias de viaxes estatais visitarán á cidade en xullo para fomentar a promoción turística de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
Pontevedra aposta polo marisco e lanza a primeira Festa das Cunchas
Por Manu Otero |
-
Primeiros pasos da marca Pontevedra Capital Gastro para converter a cidade en referente gastronómico
Por Redacción |
-
Virá Pedro Sánchez de vacacións a Pontevedra?
Por Oskar Viéitez |
-
Inaugurada a I Feira de Alimentación 'O Mellor da Terra' na Praza de España
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A gastronomía e a arte rupestre, intereses dos asistentes a FITUR sobre Pontevedra
Por Redacción |