Deteñen un home de 51 anos por agredir a súa parella na rúa Augusto González Besada
Por Redacción
Unha patrulla da Policía Local de Pontevedra desprazábase o martes 4 de maio, sobre as 12.30 horas, ata a rúa Augusto González Besada ao ser alertada por unha persoa que comprobou como unha muller fóra agredida na vía pública por un home que tirou á vítima contra o chan e posteriormente dirixírase cara á Praza de Galicia.
A patrulla da Policía Local, unha vez no lugar, observou que unha muller, de 31 anos de idade presentaba varias feridas con sangue nun xeonllo e nunha man. Os axentes comproban que inicialmente esta muller nega que o agresor sexa a súa parella e manifesta que non a coñece e afirma que esa persoa tentara roubarlle o móbil.
Unha vez requirida unha unidade médica para que atendera as doenzas da muller, os axentes coa descrición facilitada pola testemuña logran identificar un home de 51 anos de idade na Praza de Galicia como o presunto agresor. O home recoñece que mantivera unha discusión coa súa parella na Rúa Augusto González Besada.
Ante os feitos, os axentes proceden á detención do home por un presunto delito de violencia machista. Nun cacheo superficial, os axentes interveñen un coitelo, sen mango e de 12 centímetros aproximadamente que agochaba na manga dereita da chaqueta que vestía o presunto agresor. Ademais, os axentes constatan a través da investigación que tanto o presunto agresor como a vítima vivían xuntos.
Segundo indican desde a Policía Local de Pontevedra, "esta detención confirma unha vez máis que a solidariedade e a colaboración cidadá son determinantes para atallar este tipo de delitos. Os delitos de violencia doméstica e especialmente os de violencia de xénero danse nunhas circunstancias tales - relacións afectivas, ambiente de medo, convivencia no mesmo domicilio - que deixan ás vítimas a mercé do delincuente, e outras, que dota a estes feitos dunha natureza moi singular. Esta situación explica a dificultade que en moitos casos teñen as vítimas para denunciar e facer fronte por elas mesmas a tal estado de cousas. Por este motivo a solidariedade e a implicación da sociedade, así como dos poderes públicos, resultan básicas para afrontar este problema".