Os servizos de emerxencias evacúan un ciclista accidentado en Poio
Por Oskar Viéitez
Un ciclista foi rescatado este sábado despois de sufrir un accidente cando practicaba cros no circuíto do monte da Armada, no Lugar do Pereiro, no concello de Poio.
Os compañeiros do mozo accidentado alertaron aos servizos de emerxencia que acudiron ao momento cunha ambulancia do 061. Con todo necesitaron da colaboración dos membros da agrupación de Protección Civil de Poio para a evacuación do ferido que presentaba diferentes traumatismos.
Os sanitarios inmobilizaron ao ciclista no lugar do accidente, a uns 200 metros da pista asfaltada na que estaba a ambulancia que lle trasladou a un centro hospitalario en Pontevedra.
Non é o único contratempo sufrido por un ciclista este sábado, xa que o 112 informa doutro accidente entre un coche e unha bicicleta ocorrido no termo municipal do Porriño.