Carballedo súmase ao Día da Educación Física na rúa
Por Redacción
Como cada 28 de abril, nesta xornada celébrase en todo o Estado o Día da Educación Física na rúa. En 2020 cambiouse o formato por Educación Física na casa, pero durante este ano si se puido desenvolver unha xornada con actividades no exterior naqueles centros que se programou esta actividade.
O CEIP plurilingüe de Carballedo uníase ao plan e en colaboración con todo o claustro, decidiron realizar a sesión de Educación Física na Praza da Chan. Alí, os escolares desde 4º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, realizaron diferentes actividades deportivas e xogos físicos durante toda a mañá desta xornada asollada.
Esta proposta busca visibilizar a importancia da actividade física en todas as idades, mostrar á sociedade parte do traballo que se fai desde esta disciplina escolar, animar á sociedade para manter un estilo de vida saudable e, ao mesmo tempo, chamar a atención sobre os altos índices de sedentarismo que se rexistran en España.
Con estas iniciativas preténdese poñer o foco na necesidade de cambio de estilo de vida para mellorar as condicións corporais e a saúde.