Acepta un ano e oito meses de prisión por traficar con droga no Porriño
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra impuxo unha condena dun ano e oito meses de prisión para un home, autor confeso dun delito de tráfico de drogas.
A Fiscalía e o avogado da defensa chegaron a un acordo que evitou a celebración da vista oral.
Segundo negociaron o acusado recoñeceu a súa autoría mentres que o Ministerio Público rebaixou a súa petición inicial de penas que era de cinco anos de prisión. Tamén a multa era de 49.400 euros pero finalmente quedou en 8.500 euros.
O procesado admitiu cometer un delito de tráfico de drogas na modalidade de substancias que causan grave dano á saúde.
Segundo relata a Fiscalía no seu escrito de acusación, na noite do 23 de novembro de 2019 o acusado atopábase nun bar no Porriño cando, no transcurso dunha inspección, foi sorprendido tentando escapar. No cacheo ao que foi sometido atopáronlle entre a súa roupa unha bolsa con cocaína "que portaba co propósito de proceder á súa comercialización".
Ademais, durante un rexistro na súa casa acharon 118,7 gramos de heroína e unha báscula. En total, a substancia intervida alcanzaría no mercado ilícito un valor de case 16.470 euros.
Neste caso concorre a agravante de reincidencia, ao ser condenado noutras ocasións polo mesmo delito, polo que terá que cumprir a pena de prisión que aceptou.