Marín honra a San Miguel no seu día grande
Por Diego Espiño & Diego Torrado
A chuvia respectou os actos do día grande de Marín, o do seu patrón San Miguel, e unha multitude de marinenses botouse á rúa para gozar da xornada festiva.
O intenso programa de actos comezou no Concello, co acto de benvida aos novos confrades e as distincións do Padroado de Mareantes San Miguel, cuxas medallas de ouro recaeron nesta ocasión na Brilat, o almirante Manuel Pardavila e o exalcalde da vila Augusto Casal.
Posteriormente tivo lugar a misa solemne no Templo Novo, que finalizou cunha concorrida procesión ante a imaxe de San Miguel e coa tradicional Danza das Espadas.
Este baile gremial con catro séculos de historia representouse fronte á igrexa, á altura do Palco de Música e na Praza de España.
A Danza das Espadas, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2010, forma parte do patrimonio cultural inmemorial de Marín.