O PP de Poio acusa o goberno local de non querer ampliar o aparcamento de Anafáns
Por Redacción
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, denuncia que o goberno local "non fixo nada" por ampliar o aparcamento do centro de saúde de Anafáns a pesar de coñecer a predisposición do propietario dunha parcela lindeira a negociar a súa venda. "A día de hoxe non fixeron nada", critica o líder da oposición lembrando a reunión que mantivo no 2016 co dono da leira.
"Non entendemos como, se saben que está en venda desde hai cinco anos, non compraron este terreo para aparcamento do Centro de Saúde; para os negocios da Avenida Porteliña ou mesmo para ampliar o vial existente", subliña Moldes, quen lembra ao Concello que a dotación de prazas de aparcamento é "competencia exclusivamente municipal".
Aproveita o popular para criticar tamén a elevada recadación municipal a través das multas, que, segundo el, superan o orzado en 60.000 euros. "Con esa cantidade puideron solucionar un problema histórico do Centro de Saúde sen necesidade de pedir ningún préstamo", sinala.
Moldes destaca ademais que se no 2016 xa era urxente ampliar o aparcamento, agora éo aínda máis, dado que neste centro de saúde está a levarse a cabo a campaña de vacinación contra a covid-19. "Se non se comprou foi por falla de vontade política", rematou.
Relacionadas:
-
O PP lamenta que o Goberno local "chegue seis anos tarde" a buscar terreos para aparcar en Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno Local tramita a adquisición de parcelas para aparcadoiros na zona de Anafáns
Por Redacción |
-
O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |