Óscar García, elixido como decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Por Redacción
Con 51 votos a favor, seis en contra e tres abstencións, o profesor da Área de Educación Física e Deportiva Óscar García converteuse este mércores no novo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para os próximos tres anos.
Tras o remate do segundo mandato do profesor Vicente Romo, que permanecía á fronte do decanato desde 2015, García encabezou a única candidatura que concorreu ao proceso electoral aberto no centro, que este mércores se sometía á votación da Xunta de Facultade.
García centrou o discurso de presentación da súa candidatura en explicar as "áreas de mellora" nas que quere centrar a súa xestión, que son contribuír a que o persoal docente e investigador poida "desenvolver o seu labor o mellor posible", traballar na consecución de novos espazos e equipamentos xa que "este é un centro que afortunadamente, quédasenos pequeno" e potenciar a imaxe exterior da facultade.
O novo decano busca tamén dar continuidade ao traballo realizado polo anterior equipo decanal. De feito, no novo equipo continúan como vicedecanos os profesores Uxío Pérez, Mercedes Varela e Ezequiel Rey, responsables das áreas de Organización Académica e Infraestruturas, Calidade e Prácticum e Traballos Fin de Grao, respectivamente, mentres que Romo substitúe á García na secretaría académica.
O equipo complétase coa profesora Eulalia Agrelo como nova vicedecana de Relacións Institucionais.
"O apoio recibido é moi positivo, é un honor ter recibido esta confianza da comunidade académica e o único que espero é poder devolvela nestes tres anos", salientou ao remate da votación o novo decano.
Docente do Departamento de Didácticas Especiais, García é profesor da facultade desde o ano 2003 e integrante do grupo de investigación HealthyFit, no que é responsable do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar.