Previsto o pintado e sinalización de tres vias para mellorar a visibilidade nocturna
Por Redacción
Tres vías municipais serán reformadas durante os próximos meses, segundo anuncian desde o Concello de Ponte Caldelas, coa intención de mellorar a seguridade circulatoria actual.
O goberno local indica que se pintarán e sinalizarán tres tramos: o vial que comunica os lugares de Buchabade con Mirón; a estrada que une San Vicente con Chan do Casal, en Xustáns; e a que comunica San Vicente coa parroquia de Taboadelo.
Estes traballos tamén inclúen a limpeza do asfalto e varridos, o pintado dunha banda continua de 15 centímetros de ancho con pintura termoplástica reflectora e microesferas de vídrio, que levará a cabo unha máquina autopropulsada.
Tamén se pintarán as marcas viarias como as indicativas de Stop ou liñas de detención utilizando pintura reflexiva; ademais de instalar a sinalización vertical de Stop.
O orzamento total ascende a 11.418 euros e a intención, por parte do goberno municipal, é que mellore a visibilidade, sobre todo, para os condutores durante a noite que percorren estas zonas.