A Xunta activa o nivel laranxa de alerta por un temporal de choiva que afectará a Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia alerta dun temporal de choiva de nivel laranxa, que afectará durante toda a mañá deste venres ás provincias de Ourense e Pontevedra e que, previsiblemente, remitirá a primeira hora da tarde.
Segundo indican as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da Delegación Territorial de Galicia, nas zonas noroeste, Miño e sur da provincia de Ourense e no interior e Miño da de Pontevedra espéranse precipitacións acumuladas que poderán acadar os 30 mm nunha hora (alerta laranxa).
Doutra banda, a AEMET tamén activou a alerta amarela nas zonas do centro e do sur da provincia de Lugo e nas Rías Baixas, en Pontevedra, onde se esperan precipitacións acumuladas que poderán acadar os 20 mm nunha hora.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa aos concellos afectados, aos bombeiros e a Protección Civil, entre outros.
Tamén se recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección pertinentes, e aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.