Cotobade recibiu máis de 80.000 euros para investimentos grazas ao canon eólico
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este xoves o concello de Cotobade onde comprobou os investimentos levados a cabo neste concello ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental; tal e como lle indicou o alcalde da localidade, Jorge Cubela.
O concello adquiriu este ano un tractor con brazo desbrozadora para o servizo de conservación e mantemento medioambiental, cunha subvención de preto de 19.000 euros.
Dende que se puxo en marcha esta axuda, este concello pontevedrés recibiu máis de 80.000 euros que se teñen dedicado á creación dun área infantil no lugar de Lérez, ao acondicionamento e mellora de áreas de lecer, e á adquisición de maquinaria para o servizo de conservación e mantemento de espazos naturais e rede de sumidoiros, ademais de melloras nas redes de saneamento de diversas zonas da localidade.
Así, grazas a este Fondo son numerosos os concellos galegos, sinala a Xunta, que se ven beneficiados directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico, que permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.
O Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos beneficiarse do canon eólico.