O Concello de Portas aproveitou a Semana Santa para reformar a Escola Unitaria de Romai
Por Redacción
O Concello de Portas inviste 4.360 euros en realizar unha reforma na Escola Unitaria de Romai aproveitando o parón da Semana Santa para evitar molestias na actividade lectiva do centro educativo no que cursan 9 alumnos de Infantil.
Os traballos, que contaron cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de 2.000 euros, consistiron básicamente na substitución das portas interiores do centro educativo así como dos pisos que, coa renovación, pasaron a ter tarima flotante, máis acorde coas necesidades dos nenos matriculados neste centro.
A actuación foi supervisada polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, quen manifestou que "estes traballos estaban comprometidos e forman parte da vontade do grupo de goberno de apostar pola educación dos nosos cativos para que estén nas mellores condicións posibles no seu proceso de formación".
Asemade o alcalde de Portas agradeceu a colaboración da Consellería para acometer estas obras.