A Xunta estuda diversas opcións para mellorar o peirao de Raxó
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, mantivo este mércores unha reunión con membros da Asociación de Veciños de Raxó para informarlles de que Portos de Galicia está a estudar as distintas opcións de remodelación e mellora do peirao de Raxó e Covelo.
Despois de que o colectivo solicitase o encontro, López explicou que a última reunión entre o Concello e Portos serviu para sentar as bases para establecer as vías de colaboración para a adecuación desta zona. A actividade céntrase agora no estudo de todas as opcións de intervención que pode incluír novas actuacións noutros peiraos do municipio.
Finalmente, o delegado pediu tempo aos veciños para que a Xunta poida adoptar o plan máis adecuado para a zona e os intereses da poboación.