O casco histórico de Combarro estrea novos paneis informativos
Por Redacción
O Concello de Poio repuxo os paneis informativos situados no casco histórico de Combarro. Esta iniciativa foi impulsada desde o departamento municipal de Turismo, dirixido pola edil de Avante Poio, Silvia Díaz.
Tal e como explica a concelleira do goberno local, os traballos desenvolvéronse ao longo deste mes de marzo co obxectivo de que os novos elementos estivesen listo de cara ás xornadas festivas de Semana Santa.
Deste xeito, a Concellería de Turismo procedeu a renovar os paneis, que nalgúns casos presentaban un importante deterioro. Agora, unha vez finalizada a reposición, as persoas visitantes poderán consultar a información vencellada a monumentos, hórreos, espazos públicos e outros emprazamentos de interese situados no casco histórico da parroquia poiense. Os textos están redactados en lingua galega, castelán e inglés.
Os paneis sitúanse en lugares estratéxicos e achegan datos sobre a igrexa parroquial de San Roque, a Praza da Rualeira e diferentes rúas e lugares.
Outra actuación impulsada desde o departamento de Turismo é a reposición dos vinilos informativos da área arqueolóxica da Caeira, situada na parroquia de San Salvador.
Ademais, en Semana Santa a oficina de turismo de Combarro tamén estará a disposición da veciñanza e dos visitantes, logo da súa apertura a pasada fin de semana.