O peirao de Combarro seguirá aberto para o uso de embarcacións tradicionais
Por Redacción
O Club Mariño A Reiboa poderá seguir facendo uso do pantalán de embarcacións tradicionais do peirao de Chousa en Combarro. O BNG logrou sacar adiante no Parlamento Galego unha proposición non de lei para manter as condicións de ocupación deste peirao a través de eximir da taxa ou bonificala ao 100 % para este club.
O portavoz do BNG, Luís Bará, explicou que o acordo terá un carácer provisional mentres non se desenvolva o previsto no decreto 52/2019, o censo de embarcacións tradicionais da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar. Neste sentido, a proposta inclúe unha instancia ao goberno autonómico para autorizar actividade de divulgación sobre embarcacións tradicionais no devandito peirao.
Outra parte do acordo pasa polo desenvolvemento urxente do decreto 52/2019 para a declaración de bens de interese cultural do patrimonio inmaterial as técnicas construtivas de carpintería de ribeira.
"Cámbiase a política de penalización por unha política de incentivos que premia e recoñece ou labor de entidades como Culturmar ou Agalcari, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira”, explicou o parlamentario.