Medio Ambiente retirará unha entulleira ilegal do vello campo de fútbol de Almofrei
Por Redacción
A consellería de Medio Ambiente erradicará unha entulleira ilegal situada no vello campo de fútbol de Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, despois de que o alcalde Jorge Cubela requirise a colaboración do organismo autonómico para adencentar esta zona pola que transcorre unha dos roteiros de sendeirismo que o Concello acaba de inaugurar.
A retirada dos escombros e demais verteduras ilegais está prevista para os próximos días.
O rexedor mostrouse "moi apenado pola presenza de entullo e lixo a carón do roteiro saudable de Almofrei, recentemente sinalizado e inaugurado para disfrute e lecer da veciñanza e das persoas que estes días nos visiten. Non estamos dispostos a permitir este tipo de comportamentos que non so son incívicos senón que representan un atentado contra o noso patrimonio natural e un foco insalubre para a veciñanza".
Para evitar que estas situacións se repitan, o mandatario popular asegura que redobrarán esforzos e solicitarán a colaboración dos veciños. Lembra Cubela que este tipo de comportamentos conlevan importantes multas e procesos sancionadores para os autores.
"Evitaremos por todos os medios que se repita", resolveu o alcalde.