A endometriose afecta a unha de cada dez galegas
Por Redacción
Este sábado 27 de marzo conmemorouse o Día da Endometriose, unha iniciativa que pretende dar visibilidade a esta doenza inflamatoria estróxeno – dependente de orixe descoñecida.
A endometriose consiste na implantación e crecemento benigno de tecido endometrial (glándulas e estroma) fóra do útero, e pode producir fortes dores de regra, dor pélvica, dor durante as relacións sexuais ou a infertilidade .
A endometriose afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, o que supón en Galicia unhas 60.000 doentes.
Grazas á introdución e permanente mellora das técnicas de laparoscopia para a avaliación dos cadros de dor pélvicos na muller, o diagnóstico prodúcese en fases cada vez máis temperás da enfermidade.
Na actualidade, o 47% das que o padecen teñen síntomas antes de cumprir os 20 anos, e a progresión desta doenza trae consigo secuelas serias, tanto para a súa saúde física e sexual como para a súa saúde emocional.
A asociación galega de pacientes de endometriose querENDO leva anos loitando contra o gran descoñecemento que se ten sobre esta patoloxía, mesmo entre a comunidade médica. Proba diso é que a media de tempo de diagnóstico sitúase en oito anos.
Unha das reivindicacións de querENDO, creada en 2015, é a creación de unidades multidisciplinares en Galicia, coas que xa contan outras comunidades. Tamén avoga por campañas de información nos centros educativos e un maior coñecemento dos síntomas desta patoloxía por parte dos medios de atención primaria.