O PP ve "completamente xustificado" o peche da unidade de Primaria da escola de Verducido
Por Redacción
A Escola Infantil de Verducido seguirá funcionando o próximo curso pero seguirá sen incorporar a unidade de Educación Primaria a pesar da petición dos socialistas. A proposición non de lei foi debatida este venres na Comisión de Educación do Parlamento Galego e non logrou saír adiante polo voto negativo dos populares.
Con todo, o portavoz de Educación do grupo popular, Ovidio Rodeiro, defendeu que a escola infantil "vai seguir en funcionamento o próximo curso sen necesidade de habilitar ningunha unidade de Educación Primaria, circunstancia que xa foi posta en coñecemento da comunidade educativa".
O deputado considera "plenamenda xustificada" a decisión "á vista do alumnado escolarizado nos últimos anos e das solicitudes para o próximo curso, que a previsión é de once, todos eles para Educación Infantil. Neste sentido, asegura Rodeiro que todas as escolas públicas cun mínimo de seis alumnos seguirán abertas en Galicia.
Esta determinación non sentou nada ben no grupo socialista. A deputada pontevedresa Paloma Castro criticou que o curso pasado xa se pechou unha das aulas de infantil e en leste, a de primaria. Por iso augura que a escola acabará sendo pechada "antes de que remate o mandato".
“Esta decisión é moi prexudicial para a parroquia e a Xunta debe reconsiderala e mantela aberta como vén facendo desde hai 60 anos", pide a deputada, quen destaca o "pioneiro, diverso e innovador" proxecto educativo do centro.
Tamén defendeu Castro as escolas rurais con menos alumnado porque "está comprobado que aumenta a calidade do ensino e dinamizan os territorios nos que se atopan". Por iso pide que se manteñan abertas escolas que conten cun mínimo de catro alumnos.
Relacionadas:
-
Pontevedra esixe a Educación, coa oposición do PP, manter a unidade de Primaria en Verducido
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno reclamará á Xunta manter a unidade de Primaria do centro escolar de Verducido
Por Redacción |
-
Educación confirma que a escola de Verducido non terá Primaria o próximo curso
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
O PSOE esixe á Xunta que recupere os servizos suprimidos na escola unitaria de Verducido e no colexio Barcelos
Por Redacción |