Rosalía de Castro prepárase para recibir a chuvia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía continúa realizando traballos preventivos para reducir os riscos dos asolagamentos que se producen a consecuencia das choivas. Mañá actuarase nun tramo da Avenida Rosalía de Castro na que se soen crear grandes bolsas de auga. Para evitalas, farase unha limpeza a fondo de tragantes e arquetas da rede de recollida de pluviais.
Os traballos consistirán na limpeza das canalizacións que despois do verán viron reducido o seu diámetro e, polo tanto capacidade de drenaxe, debido á acumulación, principalmente de area arrastrada polo vento, e tamén follas.
A actuación afectará ao tramo da Avenida Rosalía de Castro comprendido entre o semáforo anterior ao Balneario e ata pasado o acceso aos xardíns de Artime. Este tramo é especialmente problemático cando se rexistran precipitacións intensas, xa que se acumula auga creando importantes bolsas na calzada que ocasionan dificultade aos vehículos ao circular e moitas molestias aos peóns que camiñan pola beirarrúa que se ven salpicados e mollados polos coches.
Estes traballos preventivos dan continuidade aos iniciados a semana pasada no barrio da Torre e que levan a cabo de xeito preventivo antes do inicio da temporada de choivas.
Para realizar a limpeza fai falta utilizar un camión, polo que para reducir os efectos sobre o tráfico habilitaranse a zona de estacionamentos para que poidan pasar os vehículos nos dous sentidos da circulación mentres se efectúan os traballos que se calcula duren un par de horas.