Máis de 320 aspirantes a Policía Local realizan en Pontevedra as probas físicas
Por Mónica Patxot & Redacción
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este martes as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que hoxe e mañá acollen as probas de aptitude física no marco do proceso selectivo para o acceso a 94 prazas do corpo de Policía Local de 35 concellos galegos, ás que están convocados máis de 320 aspirantes.
Trátase do terceiro exercicio da oposición para os aspirantes que superaron a proba de coñecementos que se celebrou o pasado 26 de febreiro no primeiro proceso selectivo celebrado este ano no Recinto Feiral de Silleda e que ademais resultaron aptos na proba de coñecementos de lingua galega ou estaban exentos da súa realización.
A realización das probas físicas- velocidade, potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación- contará cun protocolo específico de prevención da covid-19 para garantir a máxima seguridade dos aspirantes e de todo o persoal.
Unha vez rematadas todas as probas da oposición, no mes de maio darán comezo as clases da 13ª promoción de policía local na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
A Xunta asinou en 2017 o protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) polo que se regula a cooperación da Xunta cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, o que permite mellorar a profesionalización da Policía Local. Ata o de agora, 84 concellos dos 129 que contan con corpo de Policía Local xa delegaron na Xunta a selección dos seus policías