A Parda contará cun aparcamento disuasorio fronte ao Conservatorio
Por Diego Espiño
A parcela de 3.000 metros cadrados situada fronte ao Conservatorio, na Avenida de Juan Carlos I, converterase, polo menos temporalmente, nun aparcadoiro disuasorio e gratuíto que dará servizo a unha zona de grande afluencia de vehículos.
Os plans do Concello pasan por impulsar o aparcamento ante os servizos que se concentran na zona, como o propio Conservatorio, o Centro de Saúde ou os Xulgados, tal e como confirmou o concelleiro Luis Bará: "xa iniciamos os traballos de estudo ante a petición dos veciños e imos para adiante co tema, para este ano ou o que vén".
Esta parcela, que segundo Bará sofre un "estado de abandono", é a cedida polo goberno municipal á Xunta para a construción do novo centro do Carlos Oroza, unha obra que se descartou dende Santiago: "a Xunta non ten previsión de facer a obra así que temporamente ímoslle dar un uso que entendemos é necesario".
O número de prazas de aparcadoiro que se habilitarán dependerá dos traballos necesarios no lugar, no que polo menos se deberá construír un muro de contención, segundo recoñeceu o concelleiro: "non se vai a poder aproveitar todo pola pendente que ten".
Responsables do Concello teñen previsto reunirse este martes cos veciños da zona para explicarlles a proposta de acondicionamento da parcela.
COMISIÿN DE INFRAESTRUTURAS
A Comisión de Infraestruturas celebrada no Concello tratou asuntos como as reformas en Valentín García Escudero e Benito Corbal.
No primeiro dos casos o concelleiro Luis Bará explicou que se contratará a unha empresa de limpeza e conservación que acondicionará a zona descuberta cos restos arqueolóxicos todos os luns, un lugar no que asegura estarán "vixiantes".
Por outra banda en Benito Corbal se fixou unha reunión con veciños e comerciantes para o próximo luns, onde despexasen as dúbidas que puidesen xurdir.
Estas dúas obras foron criticadas tras a comisión polo representante do Partido Popular, Ricardo Aguilar, quen por un lado se queixa dos "ocho años esperando" pola reforma da praza e no segundo, por entender que ao non se incluír en Benito Corbal unha galería de servizos para empresas como Fenosa ou Aquagest a obra "va a quedar incompleta".