A Asociación Juan XXIII cumpre 45 anos comprometéndose con novos retos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Asociación Juan XXIII naceu en 1968 como unha entidade sen ánimo de lucro grazas ao traballo dun grupo de persoas totalmente altruístas e emprendedoras. Pasaron xa 45 anos dende os seus inicios con tres aulas de Educación Especial ata o día de hoxe en que conta xa cun Centro de Educación Especial, dous Centros Ocupacionais, dous Centros de Día e unha Vivenda Tutelada distribuídos entre as instalacións de Montecarrasco (Cangas do Morrazo) e Pontevedra.
Foi case medio século de traballo, retos, superacións, logros e compromisos sempre con novos retos. Por iso, para conmemorar unha data tan especial, a entidade ten organizadas para este xoves 26 de setembro as VIII Xornadas de Discapacidade e Calidade de Vida que terán lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra.
No acto participarán o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez; o alcalde de Poio, Luciano Sobral Fernández; o empresario Alfredo Magín Froiz Planes e o xornalista Julio Santos Pena. Ademais, haberá ocasión para escoitar testemuños en primeira persoa nunha mesa de traballo na que estarán presentes persoas con discapacidade, familiares e profesionais da entidade.
Juan José Lacasta, responsable de Estratexia e Desenvolvemento Organizacional de FEAPS (Confederación Española de Organizacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento) será o encargado de falar da vida asociativa e a importancia da Participación en entidades como Juan XXIII. O broche final á xornada poñerao á tarde o GrupoTeatrapa composto por usuarios do centro de Montecarrasco, que interpretarán unha obra teatral coa colaboración e actuación do popular actor galego Pedro Alonso.
Como 45 anos non se cumpren todos os días, este acto ten como fin ofrecer un repaso a toda a traxectoria e facer un pequeno homenaxe ás persoas que, dun xeito ou outra, fixeron de Juan XXIII unha Asociación con historia que a día de hoxe segue traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a das súas familias.