Pontevedra reclama á Xunta axudas para os feirantes porque "eles tamén comen"
Por Redacción
Moitas das familias que viven das atraccións de feira levan máis dun ano sen traballar. É a realidade que trasladaron representantes da plataforma de empresarios do sector en Galicia (Emafega), que se reuniron este xoves coa edil de Promoción económica, Yoya Blanco.
O seu principal obxectivo nestes momentos, segundo María Dolores Balsa, portavoz deste colectivo, é "empezar a traballar" porque despois de tanto tempo sen poder instalar as súas atraccións "é imposible que poidamos desenvolver as nosas vidas".
"Queremos traballar durante todo o verán, aínda que este ano non haxa festas ao uso", engadiu esta representante, que confía en que Pontevedra aposte por traballar con eles.
A concelleira socialista amosou a súa "total solidariedade" cunha actividade da que dependen de xeito directo máis de 500 familias.
A este respecto, Blanco demandou ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, que reciba a este colectivo "e lles dea cando menos un halo de esperanza", xa que única e exclusivamente piden poder traballar porque "eles tamén comen".