Ponte Caldelas baralla os días 5 de marzo e 3 de setembro como festivos locais para 2014
Por Redacción
Seguindo a traxectoria dos últimos anos, o Concello de Ponte Caldelas baralla fixar os dous festivos locais para 2014 os días 5 de marzo e 3 de setembro.
Estes días corresponderían ao Mércores de Cinza e ao mércores da Festa dos Dolores, aínda que dende o goberno municipal se trasladan dúbidas sobre a idoneidade de manter a primeira das festividades, ao coincidir este ano con día de mercado.
Estas dúbidas xorden ao abrir habitualmente os establecementos comerciais e hostaleiros os días de mercado, o que minimizaría o descanso que se busca ao declarar o día como festivo.
O acordo para manter estes días como festivos ou cambialos, se é o caso, decidirase no próximo pleno da corporación, no que se buscará un acordo con todos os voceiros municipais.