Pontevedra, disposta a asumir a PO-546 se a Xunta antes a reforma por completo
Por Alejandro Espiño
Cando hai uns días o director da Axencia Galega de Infraestruturas anunciou no Parlamento a reforma duns 500 metros da PO-546, a coñecida como estrada vella a Marín, lanzou ademais unha proposta. Que sexa o Concello quen asuma todo este vial.
Francisco Menéndez considera que esta estrada transcorre por unha zona urbana e, tras o traspaso a Marín do seu trazado polo seu territorio, o resto está integramente en Pontevedra. Entende que esta vía podería ter características de travesía urbana.
No goberno municipal de Pontevedra recollen a luva, pero con condicións. O edil Alberto Oubiña asegura que o Concello está "disposto" a asumir a titularidade deste vial, a pesar de que ao unir a dous municipios diferentes, a súa xestión debería seguir sendo autonómica.
"Na oferta que nós lle facemos á Xunta está o de negociar todo", sinalou o concelleiro do BNG. Iso si, antes de falar da transferencia "o que terá que facer a Xunta é responsabilizarse do vial". É dicir, reformalo de maneira integral en todo o seu percorrido.
O executivo local aceptaría asinar un convenio coa Xunta para financialo a dúas bandas, seguindo o exemplo do tramo en Marín (80% a Xunta e 20% o Concello) "e incluso algo máis pola nosa parte tamén", dixo Oubiña. "Por nós que non quede", engadiu.
Para iso, o Concello entende que o goberno galego debe presentar un proxecto "serio" para reformar a PO-546 "porque os veciños de Lourizán non poden ser menos que os de Marín". O tramo que se vai a arranxar, no que se prevé investir un millón de euros, só é o que transcorre entre a rotonda de entrada ao porto e o límite co termo municipal de Marín.
En todo caso, segundo Oubiña, "parécenos ben" que se actúe sobre esta zona onde, engadiu, hai partes "que se están desprendendo". Pero insisten en que "para nada nos parece suficiente", xa que todo o resto da PO-546 ten unhas condicións "terribles".
A este respecto, a asociación de veciños Estriceres lamenta que a Xunta de Galicia "está empeñada en darnos á veciñanza de Lourizán só malas noticias e nunca nos dá unha boa".
Considera este colectivo que o anuncio do arranxo duns 500 metros da PO-546 en Estribela é unha "tomadura de pelo", xa que supoñería actuar en apenas un 10% dun trazado que se atopa en condicións "lamentables".
A Xunta, segundo Estriceres, "non pode escorrer o vulto" e eludir as súas responsabilidades. Como titular da estrada "deberíaselle caer a cara de vergonza" polo seu estado, aseguran.
Desde a asociación veciñal "non vemos con malos ollos", en todo caso, a proposta do goberno galego para transferir a PO-546 ao Concello, "pero que o fagan despois da mellora integral da estrada". En caso contrario, engaden, entenden que o goberno municipal non acepte "porque en lugar de transferirlle unha estrada lle estarían a transferir un marrón".
Relacionadas:
-
Estudan alternativas para reformar a PO-546 entre Mollavao e Praceres
Por Redacción |
-
A reforma da PO-546 en Estribela custará preto de 900.000 euros
Por Redacción |
-
Clamor en Estribela tras o atropelo mortal: "Isto víase vir. En calquera momento ía pasar"
Por Alejandro Espiño |
-
Medio quilómetro da estrada vella a Marín, en Estribela, será rehabilitado de xeito integral
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas levan ao Parlamento a situación "lamentable" da estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
Esixen á Xunta o arranxo "inmediato" da estrada vella a Marín por estar "obsoleta"
Por Alejandro Espiño |