Chega o outono en pleno verán... pero non por moito tempo: choverá esta semana
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ás 22.44 horas deste domingo 22 de setembro abandonamos oficialmente a que, para moitos, é a súa estación do ano preferida, o verán. Chega o outono, un periodo que adoitamos vincular á vendima, á caída das follas ou ao frío e as choivas, cada vez máis presentes. Pero polo menos de inicio, o outono pontevedrés virá acompañado de temperaturas máis propias da época estival. Aínda que, iso si, non durarán moito.
A xornada deste domingo en Galicia será típicamente anticiclónica, cun anticiclón ao norte da península ibérica, ao que se suma a entrada de aire cálido de latitudes inferiores. Con esta situación, espéranse ceos pouco nublados ou despexados en toda a comunidade. Pola tarde crecerán as nubes de evolución en zonas altas do interior.
Segundo a información de MeteoGalicia, departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as temperaturas serán altas nesta última xornada do verán, ascendendo con relación á xornada anterior, especialmente no terzo norte. Ademais, os ventos soprarán floxos, de dirección variable, aínda que predominarán os de dirección leste. Tamén haberá réxime de brisas nas Rías Baixas.
Estas condicións manteranse tamén o luns, día no que Pontevedra volverá rozar os 30 graos centígrados. Pero o martes poderían chegar as primeiras choivas, segundo Meteogalicia. Baixarán as temperaturas uns seis graos, manténdose toda a semana en torno aos 24 graos, e entre o mércores e o domingo é moi probable que se rexistren precipitacións en calquera punto da comunidade, especialmente de cara ao fin de semana.
Podes consultar máis información sobre o tempo na sección de PontevedraViva.
Volvendo á reflexión sobre o outono, esta nova estación acompañaranos ata o sábado 21 de decembro. Durará concretamente 89 días e 20 horas. Como vén sendo habitual, aos poucos comezaremos a perder horas de sol. As noites serán cada vez máis longas e os días máis curtos. Segundo os expertos, perderemos tres minutos de luz solar por día. Unha circunstancia que se acelerará co tradicional cambio de hora, previsto para o 27 de outubro.