"Imos seguir sinalando o que ten que cambiar. O que imos cambiar. Non é unha ameaza, é un berro de esperanza"
Por Alejandro Espiño
O 8M xa está presente nas rúas de Pontevedra. "Feminismo para cambiar o mundo" é a mensaxe que acompaña á gran lona que, desde este venres, colga do balcón da vella casa do concello da Praza de España.
O deseño da artista gráfica Maru Astray representa a tres mulleres de distintas xeracións rompendo o teito de cristal que durante tantos anos someteu -e segue sometendo en moitos ámbitos sociais- ás mulleres no noso país.
A colocación desta pancarta estivo acompañada da lectura do manifesto institucional do 8 M, redactado pola xornalista Susana Pedreira, no que se destaca que "imos seguir sinalando o que ten que cambiar, o que imos cambiar. E non é unha ameaza é un berro de esperanza: polas que xa non están, polas que seguimos aquí e polas que virán".
Tras lembrar que a pandemia afectou aos dereitos das mulleres e instar á necesaria "corresponsabilidade" no fogar e nos coidados de nenos ou dependentes, Pedreira sinalou o "punto de inflexión" que supuxo o multitudinario 8M de hai tres anos.
"O feminismo é a cura, unha cura ambiciosa e solidaria que busca mellorar o mundo non só para quen padece a desigualdade inxusta, senón tamén para todos os que o habitan", destacou a xornalista, que desmontou as "falacias" dos negacionistas.
Iso faise, subliñou, "poñendo nomes de apelidos" ás 1.082 mulleres asasinadas pola "ditadura machista e patriarcal". Tamén para eles, engadiu, o feminismo " vai a cambiar o mundo ds súas fillas" camiñando cara unha igualdade real.
No manifesto, Susana Pedreira lembra que estes cambios serán posibles "porque antes outras xa cambiaron o mundo para nós", logrando que as mulleres puidesen votar, estudar unha carreira universitaria, ter unha independencia económica ou controlar os seus corpos.
"Se alguén cre que con todas estas evidencias, sabendo que o feminismo cambiou o mundo, imos parar de cambialo, neste 8M volvemos dicir alto e claro que non: non imos parar, non imos dar nin un só paso atrás", dixo, para reivindicar a axenda feminista.
"Se teñen medidas de seguridade non hai que ser talibán", asegura o alcalde, e permitir as concentracións do 8M
A edil de Igualdade, Yoya Blanco, quixo lembrar para este 8M que o feminismo "non é unha moda" senón un compromiso para "loitar polos dereitos das mulleres". Por iso é polo que insistise en que "se es demócrata e crees nunha sociedade xusta, es feminista".
No despregamento da pancarta participou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aínda que aclarou que "como acompañante" porque considera que son as mulleres "as que teñen que levar a dirección".
Nun momento que, segundo Fernández Lores, "é máis necesario que nunca" reivindicar o feminismo, o alcalde mostrouse partidario de que haxa concentracións o 8M que non sexan "masivas" porque respectando as restricións, dixo, "pódese facer calquera cousa".
"Se teñen medidas de seguridade non hai que ser talibán", concluíu.