Premian a Sylvia Rosales, primeira traballadora de supermercado que logrou reducir a súa xornada por maternidade
Por Redacción
Hai dezasete anos, unha marinense foi a primeira muller traballadora nun supermercado en reclamar e conseguir unha redución de xornada por maternidade na provincia de Pontevedra. Era o ano 2004. É Sylvia Rosales García, que será recoñecida este 8 de marzo.
Ela é a persoa elixida pola UXT de Pontevedra para entregarlle o Premio 8 de Marzo, que o sindicato concede todos os anos para conmemorar o Día Internacional da Muller.
Sylvia entrou no mundo laboral con 17 anos, incorporándose ao sector da alimentación no 2001, ano no que tamén se afiliou a UGT. A loita polos seus dereitos laborais e os das súas compañeiras levouna a dar un paso adiante e converterse en delegada sindical.
A loita polos dereitos, o respecto e a dignidade das traballadoras e traballadores está gravado no seu ADN, unha herdanza da que se sente especialmente orgullosa.
A súa tía avoa foi Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, unha defensora da clase traballadora vilmente asasinada por falanxistas o 18 de agosto de 1936.
"Nos supermercados as mulleres somos maioría, nos hospitais somos maioría, criamos aos nosos fillos e fillas, coidamos ás nosas familias… se nós paramos, para todo. Somos nós as que levamos o mundo, non hai que ter medo", explica esta traballadora.
A loita pola conciliación foi unha constante na súa traxectoria. Ela foi quen de obter a primeira redución de xornada por maternidade e abrir un camiño sen volta atrás. Estivo tamén á beira das súas compañeiras para axustar horarios que lles permitisen compatibilizar a crianza co traballo, reclamar dereitos recoñecidos e loitar pola mellora das condicións laborais e de vida.
Co Premio 8 de Marzo de 2021, UXT recoñece por extensión a un colectivo de traballadores e traballadoras esenciais, o da alimentación, que estivo en primeira liña durante a pandemia e que consideran que non foi suficientemente recoñecido.
A propia Sylvia sinala que "non nos sentimos moi arroupados, nin pola empresa, nin pola sociedade" e lamenta que agora que chegaron as vacinas, non se inclúa a este sector entre os colectivos prioritarios "cando estivemos e estamos en primeira liña".