A Xunta autoriza un cambio no PXOM de Poio para diminuír a edificabilidade e incrementar espazos libres
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informou favorablemente a aprobación inicial da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Poio, polo que se diminúe a edificabilidade e se incrementan os espazos libres.
Este concello pontevedrés remitiu a modificación puntual do plan no polígono de solo urbano non consolidado número 2, en San Salvador de Poio, solicitando informe previo á aprobación inicial.
Esta ten por finalidade adaptar a ordenación definida polo PXOM á ordenación gañadora do IX Concurso de ideas EUROPAN co tema "urbanidade europea-cidade sostible e novos espazos públicos" tendo en conta criterios de menor edificabilidade e maior porcentaxe de espazos libres. A proposta contempla o reaxuste do ámbito previsto polo PXOM.
Esta proposta adapta as determinacións establecidas no PXOM de Poio do ano 2000 ás novas exixencias da Lei do Solo e logra inserir, segundo destaca a Xunta, unha peza do territorio que mestura as edificacións de solo urbano co tecido limítrofe dos núcleos rurais, unha idea innovadora de ocupación sostible do territorio primando o diálogo entre edificacións de baixa densidade cos espazos libres de ocio e zonas verdes.
O Concello de Poio dispón, na actualidade vixente, dun PXOM que foi aprobado definitivamente en xullo de 2000.