Cuntis atrasa este sábado o seu reloxo 90 anos: volve a Belle Epoque
Por Redacción
Sesenta e catro establecementos de Cuntis participarán este sábado, 21 de setembro, na segunda edición da "Festa da Belle ÿpoque" rememorando aqueles felices anos vinte ao longo do casco histórico.
A organización preparou un programa repleto de actividades que comezarán ás 11.00 horas coa actuación infantil Xigantes, de Miro Magariños, na Casa da Cultura e a continuación circo con xogos da época para nenos e maiores. Pero ademais o sábado preséntase cheo de actividades: teatro na Praza de Ferrol, comidas populares e menús especiais en 11 locais do centro, mercado de artesanía, entre outras.
Outro dos principais atractivos da festa será a Viaxe en Globo, que se poderá realizar ás 17.30 horas dende a rúa Pedro Campos.
A esta festa tamén se suman Os Bolechas coa presentación dun libro especialmente dedicado a Cuntis no que estes personaxes viven un particular historia nestas festas.
O balneario Termas de Cuntis ofrecerá un desconto do 50% a todas aquelas persoas que acudan ás piscinas cun traxe de baño da época. As súas instalacións acollerán unha cea baile Belle Epoque a partir das 21:30 horas, por suposto, todos os asistentes deberán asistir vestidos conforme aos anos 20 que se rememoran.