Sanxenxo prepara xa un "verán seguro" coa previsión de ter máis visitantes que no 2020
Por Redacción
Quedan algo máis de catro meses para arranque oficialmente a tempada estival pero, a pesar de haber tempo por diante, en Sanxenxo comezaron xa a preparar o dispositivo que despregarán no municipio para garantir que sexa un "verán seguro".
Turismo de Sanxenxo autorizará este venres a licitación de todos os servizos que haberá nas praias do municipio, especialmente naquelas que teñen bandeira azul ou a Q de Calidade.
En concreto, activarase o proceso para a contratación do servizo de salvamento e socorrismo nos areais ou a subministración de tres módulos prefabricados para dotar de novos aseos ás praias de Areas, Major e Montalvo.
Ademais, tamén se abordará o servizo de limpeza de baños, que repetirá o modelo de frecuencia e seguimento do verán pasado; o acondicionamento de praias e a explotación de servizos de quioscos, antucas e tumbonas.
Nesta ocasión, Sanxenxo licitará un total de doce quioscos para as praias de Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Pragueira, Major e Foxos.
O custo dos servizos e posta a punto da tempada estival que inclúe, ademais dos areais, o reforzo da limpeza, melloras en viais, o pintado de rúas e a dotación de aparcamentos disuasorios roldará este ano os 1,5 millóns de euros, cifra similar á de 2020.
En canto ao acondicionamento de praias, o goberno municipal prevé mellorar varios dos accesos de praias con novas pasarelas e cambiar a localización de módulos nalgúns areais, para garantir a accesibilidade e o bo funcionamento dos servizos.
Para esta tempada estival, o Concello de Sanxenxo prevé que haxa un notable aumento de visitantes con respecto ao ano pasado. Así, entre outros indicadores, aseguran que as reservas de amarres no porto deportivo que xa se sitúan en cifras de veráns sen covid-19.