O mapa virtual de Poio Confía engade as farmacias adheridas ao programa de cribado poboacional
Por Redacción
O Concello de Poio vén de actualizar o Mapa Virtual de Poio Confía, impulsado durante a pandemia da Covid-19 para ofrecer información de interese á veciñanza sobre os negocios e establecementos operativos durante as fases de peche total ou restricións que se veñen producindo desde o decreto do primeiro estado de alarma no mes de marzo do ano pasado.
Como última novidade, este espazo virtual, que pode ser consultado nos perfís oficiais do Concello e do programa Poio Confía, introduce os datos das farmacias do municipio que están adscritas ao Programa de Cribado Poboacional impulsado co obxectivo de mellorar a eficacia á hora de identificar posibles contaxios.
Trátase dunha iniciativa, totalmente gratuíta, destinada a persoas de idades comprendidas entre os 40 e os 64 anos. No caso de Poio, estas probas PCR, realizadas a través de mostras de saliva, poderanse solicitar nas farmacias da avenida da Barca e de A Porteliña (San Salvador), Campelo (San Xoán) e na Avenida do Outeiro (Raxó).
Lémbrase que, para solicitar os recipientes para a recollida de mostras, deberase presentar a tarxeta sanitaria, para acreditar que a persoa solicitante ten o seu Centro de Saúde en Poio. Nas propias farmacias procederase a explicarlles o funcionamento do test, que consiste na recollida dunha mostra dun mililitro de saliva e que debe realizarse sen ter inxerido previamente ningún alimento ou líquido (nin lavar os dentes).
As mostras entregaranse antes das 10.30 horas nas citadas farmacias e os resultados serán dados a coñecer aos participantes vía SMS.
Con este Mapa Virtual búscase achegar á cidadanía información de utilidade, ademais de dar visibilidade a establecementos e negocios afectados polas restricións. Así, por exemplo, a través desta ferramenta tamén se dan a coñecer aqueles locais de hostalería que contan con servizo de recollida ou entrega a domicilio, por exemplo. Cómpre lembrar que o programa Poio Confía está impulsado polas concellerías de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, e Turismo, coordinada pola edil de Avante, Silvia Díaz.