Localizan un caco ao volver ao supermercado do que subtraeu 500 euros en perfumes
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á identificación e detención dun mozo, de orixe romanesa, de 18 anos de idade, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de furto nun supermercado da cidade.
Os feitos remóntanse ao pasado día 29 de agosto, cando o encargado dun supermercado de Pontevedra denunciaba na Comisaría Provincial a subtracción de varios perfumes valorados en máis de 500 euros.
O día 16 de setembro recibiuse unha chamada na Central da Comisaría do encargado do mesmo supermercado que alertaba da presenza do mesmo individuo no interior do establecemento que ao verse sorprendido saíu fuxindo.
Os axentes dirixíronse inmediatamente ao lugar e nas inmediacións do Nó do Pino da cidade localizaron o individuo ao que interceptaron e identificaron, comprobando que portaba un maletín cuxo interior se encontraba perfectamente habilitado co fin de eludir os sistemas antirroubo dos diferentes establecementos comerciais.
Por todo iso os axentes procederon á detención do mozo por un delito de furto.
Unha vez prestada declaración en dependencias policiais o detido foi posto a disposición da Autoridade Xudicial.