A empresa Acevi porá en marcha o proxecto Voltar á terra, que revolucionará o cemiterio de San Amaro
Por Redacción
A empresa Acevi será a encargada de executar o proxecto de ampliación do cemiterio de San Amaro, a primeira fase de execución dun proxecto máis ambicioso, 'Voltar á terra', que revolucionará e modernizará o camposanto pontevedrés.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, a Mesa de Contratación aprobou a proposta de adxudicación da ampliación do cemiterio. Un total de cinco empresas presentaran ofertas para realizar esta actuación, que saíra a licitación por 474.656,54 euros, e finalmente adxudicouse a Acevi.
A empresa adxudicataria presentou un orzamento cunha pequena mellora, quedando en 458.856,20 euros, e terá un prazo de execución de 4 meses desde o inicio dos traballos.
Nesta primeira fase, traballarase nunha zona de aproximadamente a 2.500 metros cadrados dos 6.000 dos que dispón a parcela, quedando a superficie restante xa acondicionada con pradeira e preparada para acometer unha fase posterior.
No marco do proxecto 'Voltar á terra' está previsto realizar unha sala para celebrar cerimonias funerais destinada a distintos credos e mesmo a cerimonias laicas, o que converterá San Amaro nun dos primeiros cemiterios en contar cunha sala destas características.
Ademais, prevese a construción de 312 columbarios de distinto tipo, tanto en estruturas verticais que conforman columnas como no chan, distribuídos do seguinte xeito: 88 de chan; 13 columnas de 4 columbarios, 20 columnas de 5 e 12 columnas de 6.
O proxecto completarase coa instalación de dúas obras artísticas: un conxunto escultórico da autoría do escultor e ceramista Daniel Caxigueiro e un mural da autoría da artista plástica Amelia Palacios.