Tres persoas teñen que ser rescatadas en helicóptero ao quedar atrapadas pola marea no medio da Ría
Por Natalia Puga
O helicóptero Pesca I de Salvamento Marítimo tivo que rescatar a medianoite do domingo ao luns a tres persoas que quedaron atrapadas nun punto da Ría de Pontevedra entre as praias dos Praceres e Lourido.
As tres persoas alertaron ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia-112 ás 23.39 horas da noite explicando que saíron pasear pola praia, víronse sorprendidas pola subida da marea e non lograban saír nin cara á parte da ría correspondente a Pontevedra nin cara a Poio.
Protección Civil de Poio e Salvamento Marítimo puxéronse en alerta e os voluntarios da agrupación poiense puxeron en marcha un dispositivo de busca para localizar aos tres atrapados, de orixe galega e novos.
Sairon pasear dende Os Praceres, detivéronse nun montículo de area e xa non puideron volver a terra
Os atrapados achegaban datos contraditorios sobre a súa localización, pero finalmente foron localizados á altura da última praia de Lourido, pero no medio da ría. Tardaron ao redor de 45 minutos en localizarlos, tempo no que o helicóptero de Salvamento xa estivo en preaviso ante ao posibilidade dunha intervención inminente.
Segundo informou Protección Civil de Poio, ao final logrouse pescudar que saíron pasear dende a praia dos Praceres aproveitando que estaba a marea baixa e detivéronse nun montículo de area situado no medio da ría. Cando quixeron volver a terra, rodeoulles a auga.
Desde Protección Civil buscaro a forma de rescatarlos deste terra, pero estaban demasiado afastados da beira. A zodiac da agrupación de voluntarios non pode traballar de noite e a zona na que se atopaban impedía acudir nun barco ao estar rodeado de pedras, de modo que foi necesaria a intervención dun helicóptero.
Salvamento Marítimo de Fisterra enviou ao helicóptero Pesca I, que rescatou ás tres persoas. Non puido deixalas en terra nunha zona próxima, de modo que as trasladou á súa base de Vigo. Ningún dos tres afectados requiriu asistencia sanitaria.