A situación meteorolóxica está atrasando o avance das obras na pista polideportiva da Seca
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, vén de supervisar as obras de mellora que se están a realizar na pista polideportiva situada na Seca, na parroquia de San Xoán. Trátase dun espazo que se sitúa nas inmediacións do ximnasio municipal e que está equipado con canastros e porterías de fútbol sala. O rexedor explicou que estas tarefas céntranse actualmente na substitución do peche da pista, xa que “o valado atopábase moi deteriorado”.
Se ben os traballos comezaron hai xa varias semanas, a situación meteorolóxica que se ven rexistrando dende practicamente mediados de xaneiro está afectando ao ritmo da obra. En todo caso, Sobral amosouse confiado en que todo estea a punto para cando a situación sanitaria permita volver a reabrir os equipamentos e recintos deportivos do municipio. O peche deste tipo de instalacións foi unha das medidas adoptadas polo Concello para tratar de frear a terceira onda da covid-19.
Ademais, o alcalde explicou que tamén se vai proceder á substitución das porterías e de cara ao futuro, sinala que se valorará a posibilidade de engadir outras melloras, como a substitución da pista. Estes traballos de mellora en equipamentos deportivos súmanse a outras actuacións que tamén se están realizando, por exemplo, na fachada exterior do ximnasio ou na cuberta do pavillón da Seca. Segundo o goberno local, encamiñadas a mellorar a eficiencia enerxética de ambas instalacións.