Un taller sobre 'TIC e pandemia' abre un Ciclo de Obradoiros Familiares
Por Redacción
A Concellería de Benestar Social, que dirixe Marcos Rey, porá en marcha este mes uns Obradoiros de Educación en Valores nos centros de Primaria da cidade de Pontevedra.
Esta iniciativa está incluída no marco das accións desenvolvidas no ámbito escolar polo Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Xunta.
Ademáis organizaranse uns Obradoiros Familiares destinados a nais e pais de alumnos, para complementar este traballo preventivo iniciado en xaneiro nos institutos de Pontevedra e traballar con toda a comunidade educativa dende unha perspectiva integradora.
O primeiro dos talleres deste último ciclo formativo dará comezo a finais de mes, estará centrado en 'TIC e pandemia. Como educar dende a familia' e abordará cuestións como o establecemento de normas e límites, a seguridade na rede e o fomento do bo uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na familia.
Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, "estes talleres familiares están pensados como un espazo puntual de reunión para pais e nais no que se tratará un tema de interese de forma monográfica e intensiva".
"Debido á situación actual creada pola pandemia, tívose que modificar a metodoloxía destes obradoiros: xa non serán realizados de forma presencial, senón online. Terán unha duración aproximada dunha hora e desenvolveranse nun formato participativo no que, nos primeiros 20 minutos, se fará unha pequena introdución ao tema por parte de profesionais do Concello e da empresa que está a realizar os obradoiros nos centros educativos, e posteriormente abrirase unha quenda de debate", indicou Marcos Rey.
O horario de realización será o máis axeitado ás necesidades dos interesados e, para participar, será necesaria inscrición previa a través do email planadiccions@pontevedra.eu (indicando nome e apelidos, correo electrónico, idades dos fillos, e o día da semana e a hora que mellor se adapta ás súas necesidade, se é posible dando varias opcións). Os grupos faranse grupos en función do horario e das idades dos fillos.