Benestar Social inicia un programa de prevención de adiccións nos institutos da cidade
Por Redacción
A concellería de Benestar Social pon en marcha unha serie de obradoiros destinados a previr condutas adictivas que se impartirán nos institutos de Pontevedra ata o mes de xuño.
Os talleres están dirixidos a estudantes de primeiro a cuarto da ESO e de ciclos de FP. O obxectivo destas sesións é formar á mocidade sobre adiccións a substancias como o tabaco, o alcol, o cannabis, a Internet, ao móbil, ao xogo, ás compras compulsivas ou as apostas.
O programa deu comezo este luns no IES Valle Inclán. Para profundar nas características das diferentes adiccións, cada grupo de aula recibirá unha formación de catro sesións de 50 minutos de duración, adaptada á súa idade e onde se desmontarán mitos, analizaranse patróns de consumo, as estratexias publicitarias das diferentes marcas, as consecuencia do consumo e reforzarase a actitude crítica para facer fronte á presión social.
"As sesións son impartidas por educadores expertos en prevención de condutas aditivas e cunha gran bagaxe no traballo de grupo. Este ano, pola situación actual de pandemia, vaise reforzar o bo uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), xa que hai estudos recentes que poñen de manifesto un incremento de condutas disruptivas vencelladas con este tema, e tamén se tratará a importancia do tipo de lecer na prevención da Covid-19", explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey.
Os talleres levan a cabo a través de dinámicas participativas nas que se respectan todos os protocolos e nas que, por primeira vez, darase prioridade ao traballo a través de vídeos e debate, en lugar do clásico traballo en grupo.
Ademais do IES Valle Inclán, xa confirmaron a súa participación no programa os IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, Frei Martín Sarmiento, Luís Seoane, Sacro Corazón e Praceres. Con todo, está previsto que outros institutos da cidade sómense aos talleres.