O alumnado de 4º da ESO do IES de Poio implícase no coidado do planeta a través da reciclaxe
O alumnado de 4º de ESO do IES Poio tomou parte o pasado luns 8 de febreiro nun obradoiro sobre reciclaxe. Tratouse dunha actividade que forma parte do programa medioambiental que cada ano impulsa a Concellería de Mocidade, co obxectivo de concienciar á mocidade sobre a importancia de preservar e promover o coidado no planeta.
Esta primeira sesión, de carácter teórico, realizouse cumprindo con todos os protocolos e medidas decretadas polas autoridades sanitarias contra a COVID-19. Integrantes da empresa especializada Ventos foron os encargados de explicar ao estudantado cuestións relacionadas sobre a problemática que poden xerar diferentes residuos, como é o exemplo do plástico, no caso de que non se trate de xeito axeitado. Tamén se falou dos beneficios da reciclaxe, facendo fincapé na artesanal, a través da que se lle pode dar un segundo uso a diferentes elementos, como o papel, o cartón ou envases de distinto tipo.
O departamento municipal agradece a colaboración da dirección do instituto á hora de impulsar esta iniciativa. A súa responsable, a socialista Rosa Fernández, explica que, logo deste coloquio, a intención é desenvolver novas actividades, de carácter máis práctico, ao longo da primavera, especialmente durante os meses de abril e maio. Isto farase sempre e cando as condicións meteorolóxicas acompañen e a situación sanitaria o permita.