O alto número de farmacias adherido á campaña de cribados obriga a atrasar o seu inicio ao martes
Por Diego Espiño
O Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra viuse desbordado polas peticións de farmacias da provincia para participar na campaña de cribados de coronavirus en colaboración co Servizo Galego de Saúde, o que obrigou a atrasar un día o seu inicio.
Tras a súa posta en marcha de maneira experimental en tres farmacias de Pontevedra e outras tres de Vigo, estaba previsto estender esta iniciativa a toda a provincia este luns 8 de febreiro, pero finalmente non será ata o martes día 9 cando dea comezo, confirma o colexio.
A decisión de pospoñer un día o inicio vén motivada pola alta demanda de farmacias que queren participar, ata 343 en toda a provincia, o que implica que a Consellería de Sanidade debe dispoñer dun número de tubos de recollida de mostra de saliva moi superior ao inicialmente previsto.
A previsión, sinala o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, é que o luns ao longo da tarde as farmacias poidan recibir o material, estando listas para iniciar a campaña por tanto o martes día 9.
Estes cribados pretenden facilitar a recollida de mostras de saliva para a súa análise co obxectivo de aumentar a capacidade diagnóstica e así detectar posibles casos asintomáticos entre a poboación.
A recollida de mostras en farmacias iniciarase pola poboación de entre 40 e 65 anos.